lunes, 28 de marzo de 2011

Anteproxecto de Lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia. Exposición de motivos.


ANTEPROXECTO DE LEI DE APOIO Á FAMILIA E Á
CONVIVENCIA DE GALICIA EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
I

A Comunidade Autónoma de Galicia presenta dúas características indiscutibles que deben terse
moi presentes á hora de articular os mecanismos de apoio á familia. Por unha parte, unha gravísima retracción da natalidade e un alarmante envellecemento da poboación que dificulta as posibilidades de renovación xeracional e en consecuencia, o mantemento do estado de benestar social acadado e o seu desenvolvemento. Por outra banda, un fondo apego da sociedade galega á súa identidade, que se traduce nun aprecio arraigado ás súas tradicións e valores familiares, como poden ser o respecto aos antepasados e maiores, os vínculos coas orixes, tanto no sentido familiar coma no sentido de arraigamento local.

A evolución histórica e a complexidade progresiva da organización social, atopan reflexo e acollida na familia como institución en permanente evolución. Fórmulas de convivencia que sen ser novas eran ata agora infrecuentes, teñen cabida na familia como estrutura básica da sociedade e como medio natural de desenvolvemento e crecemento da persoa. Por iso é deber dos poderes públicos recoñecer e amparar a familia e tódalas súas manifestacións e formas de organización, dándolles un especial apoio e protección.

Tal apoio non pode ser consecuencia dun afán dirixista ou intervencionista, considerando que estamos a tratar a institución máis próxima e achegada ás persoas e que, por tanto, debe ser
tratada co máximo respecto á súa autonomía organizativa e ás liberdades individuais dos seus membros. Este apoio debe considerarse, máis ben, como un deber de xustiza, en reciprocidade á achega que as familias fan á sociedade.

O apoio á familia e aos núcleos de convivencia debe responder necesariamente á complexidade da nosa sociedade, e debe dar solución ás diferentes situacións que impiden ou dificultan tanto a formación e constitución de novas familias ou grupos estables de convivencia, como o desenvolvemento integral das xa constituídas.

Así, debe darse o apoio necesario á maternidade e á atención das persoas a cargo, potenciar a integración familiar das persoas maiores, paliar as dificultades notorias de conciliación da vida
persoal, laboral e familiar, e procurar o sostemento da estabilidade da familia minimizando os danos derivados dos procesos de desestruturación familiar, e en particular no que afecte aos dereitos dos fillos e fillas e os membros máis vulnerables da familia.





No hay comentarios: